28/4/18

Encontro virtual con Ledicia Costas



Onte, o alumnado de 4º, 5º e 6º de EP tiveron a sorte de visitar a Ledicia Costas na súa casa de Vigo. E non foi preciso desprazarse en bus nin tampouco abarrotarlle o seu tranquilo fogar con decenas de rapaces. Foi grazas a un milagroso invento, coma eses que argallaba Miss Bubble, o Skype, que sen saír do noso cole puidemos charlar un anaquiño con ela.

Non era moi vistoso o noso equipo audiovisual, pero o importante é que funcionou á perfección 😉

Ledicia entrou así tamén no noso cole e nos nosos corazóns, a través dunha pequena cámara web, unha pantalla e un micrófono. Unha experiencia diferente, que permitiu á rapazada que devorara con entusiasmo os seus libros, coñecela en persoa e facerlle todas as preguntas que quixeron (algunhas incluso algo persoais, jeje).

Se xa estaban namorados dos seus relatos, cremos que, despois desta experiencia, o están tamén do seu engado.

Aclaroulles todas as súas dúbidas sobre Escarlatina e A señorita Bubble, presentoulles o seu último relato, As peripecias de Extravaganzza Pérez, contoulles por que decidiu novelar o paso de Jules Verne pola cidade de Vigo na súa novela Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, e tamén lles contou que estudiou Dereito porque non existía unha carreira para ser escritora, porque iso foi o que sempre quixo ser, dende que era moi nena.



Moitísimas grazas, Ledicia por dedicarnos un anaco do teu tempo, que ben sabemos o atarefada que anda visitando coles e falando con cativos e cativas de toda Galicia.



AVISO AOS PEQUENOS LECTORES:
 XA TEMOS NA BIBLIOTECA AS PERIPECIAS DE  EXTRAVAGANZZA E OS ARQUIVOS SECRETOS DE ESCARLATINA.
BULIDE A POR ELES!!



No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN